Affichage des articles dont le libellé est Amaiur. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est Amaiur. Afficher tous les articles

mercredi 23 novembre 2011

Tralo 20N (I): a alimentación do capital.


As eleccións deste pasado 20 de novembro deixaron un panorama desolador pra o futuro do Estado. Desolador pola vitória clara da dereita que nos deixa nunha situación de indefensión total perante o ataque dos mercados. Mais o panorama sociopolítico tamén é desolador de atendermos á actitude do pobo, que non deu resposta ás agresións e ao desmantelamento do Estado do Benestar que se vén perpetrando dende algunhas Comunidades Autónomas.

Este 20N non só se tumbou un goberno sen resposta social e unha xestión económica errática, senón que amosamos a nosa total dispoñibilidade pra sermos recortados, despelexados e esmagados antes de sermos pendurados a secar a carón da lareira familiar, pois está claro que os tempos non están pra precoces emancipacións xuvenís nin pra os xubilados gozar dunha seródia independencia.
Quizais a algúns non lles importe, quizais a dereita goste incluso da idea, pois qué mellor que unha família unida?

Non quero adentrarme aquí en temas de porcentaxes, nin de números concretos de votos, pois iso está rexistrado en calquera xornal e a min só me interesa tentar descubrir as causas de por qué temos un panorama tal.

Debo, por tanto, comezar a análise por Catalunya e a vitória da dereita nacionalista. Foi a primeira vez que o PSC-PSOE non conseguiu ser a primeira forza política da Comunidade nunhas eleccións xerais e só conseguiu manter a província de Barcelona. Girona, Tarragona, e Lleida foron para CiU. O curioso é que Catalunya é unha das comunidades máis afectadas polos recortes e o partido que a goberna é a mesma CiU. Mais unha explicación que pode dar sentido a todo isto é atendermos á existéncia dunha clase media-alta (sería obsoleto falar de clase burguesa, mais a idea segue a ser a mesma) que considera que o PSC non ofreceu respostas, que os outros partidos de esquerda non lles aseguran os priviléxios fiscais e que polo tanto vota a CiU poque garante, ademais, a diferenza catalanista.

Canto a Euskal Herria, Amaiur semella un sopro de aire fresco, un chute de sangue nova prás veas do Estado, mais estou seguro de que causa taquicardias en certos corpos non entrenados no verdadeiro exercício democrático. Mais o deporte (velaquí unha recomendación) da dialéctica é sempre bo, e ademais, canto máis o practiquen, mellor solucionarán ese problema de casposidade (perenne nalgúns casos). 
Amaiur é, dende logo, a demostración de que existe unha esquerda nacionalista forte, e de que hai futuro, pois hai apoio social. O proxecto da autodeterminación dos pobos pode ser posíbel.

Podería falar do resto do Estado, pois non é que non me importe. Mais recoñezo as miñas carencias no coñecemento da realidade social castelá.  Ou de Madrid. Ou de Valéncia, e así, un longo etcétera. Dende logo, debería haber unha explicación certa ante o crecemento do PP en comunidades tan afectadas polos recortes e medidas do mesmo calibre (así como pola corrupción), mais eu non son quen de atopala.