Affichage des articles dont le libellé est Polaroid. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est Polaroid. Afficher tous les articles

mercredi 9 novembre 2011

Arredor de Polaroid (I)


Polaroid no seu contexto

Mañá, ás 8 da tarde, haberá un acto en Compostela, no instituto Rosalía pra conmemorar os 25 anos da publicación de Polaroid, de Suso de Toro. Un bo recoñecemento pra unha novela que en realidade se mantén nova, e unha boa escusa pra falar do que supuxo este libro no panorama literario galego.

A novela saíu do prelo no 1986 grazas a Luis Mariño, director por aquel entón de Xerais, e conta Suso de Toro que se trata dunha novela que non podería ter sido publicada por ningún outro editor. En palabras do autor, "Luis Mariño era todo un personaxe dun Santiago e dunha época que merece ser contada algún día". Sen dúbida, Polaroid é un estalido, un tiro dunha Colt45 nun extrarradio urbano. Polaroid é á narrativa o que Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín fora uns anos antes á poesía. Polaroid é case que o fin dun tempo que se iniciou trala publicación da propia Con pólvora e magnolias no literario. Os dous libros supoñen, sen dúbida, dous feitos singulares e ineludíbeis na historia da literatura galega, aínda que, coma sempre na análise de etapas literarias, sexa difícil estabelecer principios e finais.

De feito, a obra de Ferrín é capital, pois supón o inicio dunha nova poesía que entronca coa cultura underground dos 70 e que entra en erupción a partir da morte de Franco e que se concreta (entre outras formas) na creación do Grupo Rompente. Polaroid, por outra banda, aparece a mediados dos 80, pero entronca tamén con toda esa actividade literaria e cultural que se viña facendo en Galiza. Suso de Toro chegou no 86 cunha nova forma de facer narrativa, que supuxo quizais a cúspide da expresión punk. A partir de entón, quizais non é indicado falar de declive, pero si que toda esa forza contracultural de mediados dos 80 (pensemos no Colectivo Ronseltz, Lois Pereiro) rematou a mediados dos 90 coa disolución dos primeiros (1994) e coa morte do segundo (1996).

Entre a publicación de Con pólvora e magnolias en 1976 e a morte de Lois Pereiro vinte anos máis tarde, Polaroid amósasenos como o medio e medio, o punto central desa época e desa Galiza que, dende logo, merece ser contada.