Affichage des articles dont le libellé est Estónia. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est Estónia. Afficher tous les articles

jeudi 1 décembre 2011

Galiza seica é terra de pokemons

Deron as casualidades en levarme a comprobar como era a tradución do galego ao inglés a través dos servizos do google, e se este blogue podería ser comprensíbel prá xente que non entende o galego. Á fin e ao cabo, na anterior entrada falaba de Estónia, e creo que podería ser interesante que a xente dalá vira que tamén no outro cabo da Europa se fala deles, e que ademáis se fala en galego.
Unha curiosidade, por certo. O estónio e o galego foron incluídos o mesmo día (30 de xaneiro do 2009) entre os idiomas dispoñíbeis pra tradución no devandito tradutor automático.
Todos sabemos ben os grandes erros do tradutor de google, mais sempre achei que a idea era boa e que cun pouco de imaxinación, serve pra entender un pouco o contido xeral de moitos textos. Que non funciona ben, é claro, mais non sexamos parvos e non o tomemos ao pé da letra. Simplesmente, aproveitemos as (poucas e pequenas) vantaxes que nos ofrece.
Tamén son consciente de que o seu funcionamento se basea nun sistema de tradución automática estadística, mais cal foi a miña sorpresa cando vin que nun dos enunciados aparecía a palabra "pokemon". Non era posíbel. Que podía ser o que o tradutor traducía como "pokemon"? Non fora eu quen a escribira, dende logo. Tardei un pouco en comprender (non daba crédito, en verdade) que a palabra mal traducida era "Galiza". En fin, non sei se existe algún pokemon co mesmo nome ca estas terras do noroeste, mais a sorpresa foi, certamente, ben grande.
Claro que a miña seguinte dedución foi a de "estes de google... está mal porque escribín Galiza e entón o sistema curtocircuítase" (o que non quere dicir que me pareza ben, todo ao contrario). Así que escribín Galicia, pra comprobar se tamén había tradución. A resposta, eu xa evito comentar máis o asunto, atoparédela na imaxe que segue a continuación.
 
Señores de Google,
Galicia/Galiza, como nome propio desta bonita terra que é, non ten necesidade de tradución. Ademais, prégolles aclaren cal é a relación posíbel entre o noso país e os monstros animados xaponeses. Grazas.
Atentamente,
Un galo de corral.