Affichage des articles dont le libellé est Cinema. Afficher tous les articles
Affichage des articles dont le libellé est Cinema. Afficher tous les articles

jeudi 8 décembre 2011

Un método perigoso (2011)


As notas recollidas ao rematar a película son claras. A primeira, non voltar pagar por ver un biopic, por un filme biográfico. A segunda, non voltar pagar por unha película de Keira Knightley. Meu deus!

A película leva por título Un método perigoso, mais o filme de David Cronemberg, de perigoso, pouco. Non son o máis grande seguidor da filmografía de Cronemberg, pero dende logo, ten apostas máis arriscadas ca esta. Esa violéncia sempre presente nas súas películas (e que tanto venderon para esta)... onde está? Na perversidade sadomasoquista de Sabrina Spielrein (Keira)? Nos dilemas morais aos que se enfronta Jung (Fassbender)? Non, non está, porque non está desenvolta. Intúese, si, mais aí queda. A azotaina que recibe Sabrina-Keira resulta simplemente incongruente nun filme que de tan encorsetado, non respira. 

En fin, é verdade que a historia ten ritmo, mais tamén é certo que o que conta non me interesa o máis mínimo. Supoño que terá máis releváncia pra quen teña pretensións de psicólogo. Mais, malia miña ignoráncia no campo, quédome coa sensación de que as ideas non están completas, e que falta certo desenvolvemento do tema. Seméllame que a história está tratada a pinceladas, mais cunhas liñas que non converxen en ningún punto de fuga.


Polo demais, as personaxes non amosan química, e Keira... simplemente, sobra. O filme, en fin, comeza con ela (case) desencaixando a mandíbula. Oh deuses do Olimpo hollywoodiense, déanlle o Óscar xa! Á fin e ao cabo, ben que gostan no oeste norteamericano deste tipo de actuacións, de guapos ou guapas de hollywood que saen desmellorados en pantalla e representan, con certa coheréncia, unha personaxe real (no senso de que efectivamente existiu) xeralmente atormentada. De verdade alguén pensa que é boa actriz? Se a súa millor actuación foi en Quero ser coma Beckham!; cousa que tampouco era moi difícil.
A personaxe máis turbadora (e interesante) é a de Otto (Vincent Cassel), que non é máis ca unha personaxe secundária, reflexada no lenzo con trazos grosos, á que somentes se lle adican os minutos de metraxe mínimos pra resaltar a súa releváncia no conflito amoroso-moral de Jung.

Non hai, en conclusión, verdadeira violencia psicolóxica, nin se respira a carga ambiental agardada, polo que a perigosidade do método que pregoa o título quédase nun “quero e non podo”. Unha mágoa.

vendredi 18 novembre 2011

Quen matou a Natalie Wood?

Extra! Extra! Reábrese o caso da morte de Natalie Wood!

Natalie Wood foi un dos meus primeiros “amores” cinematográficos. Aínda me recordo (debía de ter uns 14 ou 15 anos) na aula de música véndoa cantar (que grande desilusión cando me enteirei de que a voz non era súa!) en West Side Story.
Mais a nova de hoxe de que se reabría o caso da súa morte chamoume especialmente a atención porque a historia foi ben curiosa.

Relatada brevemente, o suceso debeu ter sido así:

Unha noite de decembro de 1981, a actriz, tras unha noite de cea/festa nunha illa na que pasaba a fin de semana, volve co seu marido ao barco (The Splendor) que fondeaba alí perto. Xunto a eles está o actor  Christopher Walken e no iate está tamén o Capitán.

Walken é amigo da parella e ademais estaba a rodar por aquel tempo unha película con Natalie Wood. Por outro lado, ao marido dela, Robert Wagner, coñécenselle episodios de celos e no 2010, na publicación da súa biografía declarou que efectivamente non se fíaba do tal Walken. En palabras do actor, Wood éralle “emocionalmente infiel”.

Así pois, durante a cea con outros amigos no restaurante, Walken e Wagner rifan acaloradamente, mais segundo as versións doutros presentes, a actriz non foi o motivo. A pelexa remata, continúa a festa, mais de volta no barco (10.30pm) a discusión comeza outra vez. Wagner moi enfadado, chega incluso a romper unha botella diante da súa muller e, obviamente, de Walken.

Ata aquí todos dacordo, mais logo comezan as versións.

Unha das teorías é que Wood, farta de tanta discusión, decidiu ir dar un paseo (bébeda como estaba e téndolle fobia á auga como lle tiña) no bote salvavidas. Pero ao saltar ao bote, caeu mal, rebotou, deu contra o barco e ao golpearse quedou insconciente. Afogada, as correntes levaron o corpo até os acantilados da illa.

Acorde con isto, o marido afirmaba en 1981 que discutiu tamén con Wood a mesma noite dos feitos. Trala rifa, ela quedou no cuarto poñendo as cousas en orde i el foi a onda Walken  para pedirlle desculpas. Ao voltar ao camarote, dáse de conta que Wood xa non está,  e logo en cuberta, que tamén falta o bote salvavidas. Wagner considera que saíu a airearse un pouco e así llo transmite ao capitán. Ás 1:30am Wagner da un aviso por radio acerca da desaparición da súa dona.
O corpo foi atopado ás 8am do día seguinte, a unha milla de distancia. Ía vestida cun camisón e con calcetíns.

A versión do Capitán, nembargantes, difire das afirmacións do Sr. Wagner. Segundo aquel, a discusión retornou do camarote á cuberta. Trala discusión, Wagner informoulle de que Wood desaparecera e foi entón cando se decataron de que o bote salvavidas tampouco estaba. Wagner, a pesar de todo, impediu que o Capitán dera aviso da desaparición.

Porén, a última teoría oficial, e tamén acorde coas últimas declaracións do actor afirma que Natalie Wood viu que o bote estaba solto e ao tentar amarralo, caeu á auga. Ao caer, golpeou co barco, ficando inconsciente, e afogou.

Mais por se fora pouco, a versión do gardacostas de Los Ángeles tamén difire. Segundo consta nalgunhas versións, Wagner agardou até as 5am (e non 1:30am) pra dar o aviso da desaparción da súa muller. Ao ser preguntado polo motivo da demora, o Sr. Wagner respondeu que cría que estaba de festa noutro barco.

En calquera caso, as versións dos implicados apenas contaron na investigación do caso.