Extra! Extra! Reábrese o caso da morte de Natalie Wood!
Natalie Wood foi un dos meus primeiros “amores” cinematográficos. Aínda me recordo (debía de ter uns 14 ou 15 anos) na aula de música véndoa cantar (que grande desilusión cando me enteirei de que a voz non era súa!) en West Side Story.
Mais a nova de hoxe de que se reabría o caso da súa morte chamoume especialmente a atención porque a historia foi ben curiosa.
Relatada brevemente, o suceso debeu ter sido así:
Unha noite de decembro de 1981, a actriz, tras unha noite de cea/festa nunha illa na que pasaba a fin de semana, volve co seu marido ao barco (The Splendor) que fondeaba alí perto. Xunto a eles está o actor Christopher Walken e no iate está tamén o Capitán.
Walken é amigo da parella e ademais estaba a rodar por aquel tempo unha película con Natalie Wood. Por outro lado, ao marido dela, Robert Wagner, coñécenselle episodios de celos e no 2010, na publicación da súa biografía declarou que efectivamente non se fíaba do tal Walken. En palabras do actor, Wood éralle “emocionalmente infiel”.
Así pois, durante a cea con outros amigos no restaurante, Walken e Wagner rifan acaloradamente, mais segundo as versións doutros presentes, a actriz non foi o motivo. A pelexa remata, continúa a festa, mais de volta no barco (10.30pm) a discusión comeza outra vez. Wagner moi enfadado, chega incluso a romper unha botella diante da súa muller e, obviamente, de Walken.
Ata aquí todos dacordo, mais logo comezan as versións.
Acorde con isto, o marido afirmaba en 1981 que discutiu tamén con Wood a mesma noite dos feitos. Trala rifa, ela quedou no cuarto poñendo as cousas en orde i el foi a onda Walken para pedirlle desculpas. Ao voltar ao camarote, dáse de conta que Wood xa non está, e logo en cuberta, que tamén falta o bote salvavidas. Wagner considera que saíu a airearse un pouco e así llo transmite ao capitán. Ás 1:30am Wagner da un aviso por radio acerca da desaparición da súa dona.
O corpo foi atopado ás 8am do día seguinte, a unha milla de distancia. Ía vestida cun camisón e con calcetíns.
A versión do Capitán, nembargantes, difire das afirmacións do Sr. Wagner. Segundo aquel, a discusión retornou do camarote á cuberta. Trala discusión, Wagner informoulle de que Wood desaparecera e foi entón cando se decataron de que o bote salvavidas tampouco estaba. Wagner, a pesar de todo, impediu que o Capitán dera aviso da desaparición.
Porén, a última teoría oficial, e tamén acorde coas últimas declaracións do actor afirma que Natalie Wood viu que o bote estaba solto e ao tentar amarralo, caeu á auga. Ao caer, golpeou co barco, ficando inconsciente, e afogou.
En calquera caso, as versións dos implicados apenas contaron na investigación do caso.
Aucun commentaire:
Enregistrer un commentaire