jeudi 8 décembre 2011

Un método perigoso (2011)


As notas recollidas ao rematar a película son claras. A primeira, non voltar pagar por ver un biopic, por un filme biográfico. A segunda, non voltar pagar por unha película de Keira Knightley. Meu deus!

A película leva por título Un método perigoso, mais o filme de David Cronemberg, de perigoso, pouco. Non son o máis grande seguidor da filmografía de Cronemberg, pero dende logo, ten apostas máis arriscadas ca esta. Esa violéncia sempre presente nas súas películas (e que tanto venderon para esta)... onde está? Na perversidade sadomasoquista de Sabrina Spielrein (Keira)? Nos dilemas morais aos que se enfronta Jung (Fassbender)? Non, non está, porque non está desenvolta. Intúese, si, mais aí queda. A azotaina que recibe Sabrina-Keira resulta simplemente incongruente nun filme que de tan encorsetado, non respira. 

En fin, é verdade que a historia ten ritmo, mais tamén é certo que o que conta non me interesa o máis mínimo. Supoño que terá máis releváncia pra quen teña pretensións de psicólogo. Mais, malia miña ignoráncia no campo, quédome coa sensación de que as ideas non están completas, e que falta certo desenvolvemento do tema. Seméllame que a história está tratada a pinceladas, mais cunhas liñas que non converxen en ningún punto de fuga.


Polo demais, as personaxes non amosan química, e Keira... simplemente, sobra. O filme, en fin, comeza con ela (case) desencaixando a mandíbula. Oh deuses do Olimpo hollywoodiense, déanlle o Óscar xa! Á fin e ao cabo, ben que gostan no oeste norteamericano deste tipo de actuacións, de guapos ou guapas de hollywood que saen desmellorados en pantalla e representan, con certa coheréncia, unha personaxe real (no senso de que efectivamente existiu) xeralmente atormentada. De verdade alguén pensa que é boa actriz? Se a súa millor actuación foi en Quero ser coma Beckham!; cousa que tampouco era moi difícil.
A personaxe máis turbadora (e interesante) é a de Otto (Vincent Cassel), que non é máis ca unha personaxe secundária, reflexada no lenzo con trazos grosos, á que somentes se lle adican os minutos de metraxe mínimos pra resaltar a súa releváncia no conflito amoroso-moral de Jung.

Non hai, en conclusión, verdadeira violencia psicolóxica, nin se respira a carga ambiental agardada, polo que a perigosidade do método que pregoa o título quédase nun “quero e non podo”. Unha mágoa.

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire