mercredi 23 novembre 2011

Tralo 20N (II): coma sardiñas enlatadas.


Así pois, chegamos a Galiza. Por fin, xa cheira a verde, a fresco, aos caldos das avoas, ás ameixas da ría! Mais non! Algo fede en Pontevedra, e non, esta vez non é a celulosa, que o vento está do norte. Ah! É Telmo Martín![1]

En fin, non é cuestión de entrar agora en casos de (presunta) corrupción, nin tampouco vou falar xa do éxito desta dereita rancia galega que corroe o país coma se fora ferruxe.

Mais si que é certo que Galiza acolle, no eido sociopolítico, varios problemas. Un deles afecta ao BNG. I é grave. Podémolo denominar de mil maneiras, mais a desafección do pobo galego polo Bloque comeza a ser un feito.

Hai, ao meu parecer tres causas alleas ao BNG básicas. O poder dos média, os ataques dende o tecido conformado polos partidos e asociacións centralistas, imbuídas polo nacionalismo español (PP, UpyD e Galicia Bilingüe –son poucos, mais o ruído mediático ensordece a moita xente-), e ademais, a factura do goberno bipartito. Inclúo esta última entre causas “alleas” porque non é posíbel que nos atopemos, 3 anos despois, nesta conxuntura, sufrindo aínda as consecuencias de 4 anos de cogobernáncia onde o BNG era soamente o segundo de a bordo.

Mais a cuarta e a máis importante das causas é un problema que se produce no seo do próprio BNG. Estamos perante unha formación política débil, dividida, que tenta pescar no electorado daquí e dalá, e agora bota a caña e non hai peixe que pique e mañá bota as redes e resulta que están rotas. E non hai máis tecido porque os nacionalistas non reman todos na mesma dirección e as redes, rompen. O BNG bota a caña entre o electorado (vouno dicir sen miramentos) coma se fora pura pesca deportiva. Agora picas, agora quítoche o anzol, agora volves prá auga e xa voltarás picar. Somos sempre os mesmos, menos os que quedan polo camiño.

A xente do BNG é como as sardiñas perante os tiburóns. “Xa nos valemos soas”, dirían as sardiñas. E como son unha forza importante (porque é certo i é así como ten que ser) no panorama político (galego), desbotan/rexeitan outras forzas por seren marxinais, sen pensar que, á fin, haberá que mirarse no espello e ver que todos somos peixes e que todos purramos cara un mesmo lugar.

Non serei eu quen propoña solucións, pois hai opinións diversas de xente moito máis capacitada ca min pra falar do tema. Opinións críticas, opinións certas en moitos casos. Mais hei de concluír cunha idea firme: é preciso un cambio. É preciso mudarmos a actitude e a confrontación interna. É preciso tamén mudarmos de líder. Mais é absolutamente necesario retomar a esencia do BNG, baixar do Olimpo e facer país. Abaixo as elites! En pé o pobo! Galiza foi, é, e será grazas ao BNG.


[1] Dixen antes que non coñecía a realidade social valenciá? Pero se aquí temos o mesmo!

Aucun commentaire:

Enregistrer un commentaire