Islándia resúltame especialmente atractiva como país. Xa non só como ente xeográfico de paisaxe e meteoroloxía extrema, senón tamén como Estado. Como unión de pobo e decisións políticas, refírome. De todos é coñecida a, polo de agora, exitosa xestión da crise, que debería ser exemplo para os demais pobos. Aplaudirei sempre o compromiso de que sexan os próprios culpábeis quenes paguen a crise.
Mais hoxe a história é outra.
Islándia vén de converterse no primeiro país (europeo) que recoñece oficialmente o Estado Palestino, e exixe a volta ás fronteiras de 1967 (antes da Guerra dos Seis Días). É unha boa nova, sen dúbida, que pode e debe abrir o camiño para novos recoñecementos. Esta declaración prodúcese nun contexto relativamente positivo, tralos movementos de Mahmoud Abbas perante a Asemblea Xeral da ONU (clica pra ler o discurso, en inglés) e a súa petición do recoñecemento definitivo da Palestina independente, así como o recoñecemento pola Unesco como membro de pleno dereito da organización, pese á negativa rotunda (que incluso retirou o apoio financeiro) dos EUA e, por suposto, de Israel.
O certo é que esta non é a primeira vez que Islándia se adianta aos tempos e recoñece a soberanía e o dereito a autodeterminación dos pobos. O 22 de agosto de 1991, os islandeses foron os primeiros en recoñeceren a independéncia de Estónia. Foi un acto simbólico, como é agora o recoñecemento da causa palestina, pero de grande importáncia para o futuro do país.
Aínda agora, os estónios seguen a celebrar o día de Islándia i en Tallinn, no centro da capital, hai unha praza co nome do país. O agradecemento aínda perdura, pois son conscientes da importáncia que tivo o pronunciamento.
Hai xa meses, apareceu no sítio web (versión inglesa) da radiotelevisión pública estónia un artigo de opinión do activista Oliver Loode titulado O momento islandés de Estónia (clica pra ler o artigo, en inglés). O autor asinaba un alegato a prol do recoñecemento do Estado de Palestina por parte do goberno estónio, equiparando a situación de Palestina á do país báltico a comezos dos 90, e a posibilidade de que Estónia tomara o relevo dos islandeses e se pronunciara sobre a causa palestina. Por suposto, non tivo maior repercusión e o debate non traspasou nen tan sequera á sociedade; mais é unha mágoa. De nada serve entón o recordo e o agradecemento se o país non toma parte activa no recoñecemento da autodeterminación doutros pobos, como antes fixeran con eles.
Islándia demostrou, máis unha vez, a coherencia na súa toma de decisións, e reiterou o seu apoio a unha causa xusta. É agora, verdadeiramente, o momento de Estónia. O primeiro paso xa foi dado polo país que primeiro recoñeceu a súa independéncia. Estónia debe seguir agora o camiño marcado, o camiño xusto.
É tamén o turno do resto de países, dos Estados membros das Nacións Unidas, de recoñeceren a Palestina como Estado, independente e soberano. Estamos nun tempo clave. Non hai que ceder ante as presións do sionismo. Agora é o momento de apoiarmos, de forma efectiva, a causa palestina.